Fecha:
Desde el martes 20 de octubre hasta el domingo 13 de diciembre
Con esta exposición sobre Otero Pedraio e o seu complemento con dramatizacións a partir de Contos do camiño e da rúa tentamos achegar ao público a memoria deste grande e polifacético humanista convertido en vida en símbolo de unidade dos galegos que o fixo merecente do sobrenome de “Patriarca das Letras Galegas”. Como se verá ao longo dos paneis que integran esta exposición, Otero non só viviu moitos anos senón que os viviu moi intensamente, falando e escribindo sen descanso, case ata a súa morte. Froito desta longa e vizosa andaina vital é un triple maxisterio no coñecemento e comprensión no noso medio natural e humano, na reflexión histórica moitas veces exercida a través das biografías de galegos ilustres, e na súa máis coñecida faceta de creador da prosa galega contemporánea. Pero Don Ramón, na súa vocación de totalidade, nun tempo no que todo estaba por facer, impulsou as actividades do Grupo Nós, do movemento político galeguista, foi autor de teatro e mesmo poesía, e a expresión da Galicia consciente nas súas viaxes a América, e sen dúbida, a palabra viva, vizosa e particular do mellor orador que deu esta Terra. Queremos tamén con esta exposición achegarnos a unha das obras do autor, Contos do Camiño e da Rúa, e farémolo a través de representacións teatrais pensadas para alumnos e alumnas de ensino medio a cargo da actriz Sabela Galgo Gago.
Fuente: Faro de Vigo

